Su Blackwell
Su Blackwell é unha artista británica que fai impresionantes esculturas con papel utilizando libros vellos. Nesta liña teño posteado as autopsias de Brian Dettmer e as pinturas sobre libros de Mike Stilkey. O vídeo corresponde a un anuncio publicitario encargado a "Su" polas bodegas Beringer, unha pequena xoia de 45 segundos. Ver Making of.
martes 30 setembro 2008
En Arte | Sen comentarios | Permalink
Moondogs Blues Party
Aviso a melómanos:
Os cadelos lunáticos teloneiros do San Froilán.
30 de setembro ás 23.00 / Noite de blues en Lugo.
Clavi
luns 29 setembro 2008
En Música | 9 Comentarios | Permalink
A neta do señor Linh
Na tarde do domingo lin "La nieta del señor Linh" un relato corto de Philippe Claudel que me recomendaron no traballo asegurandome que me resultaría conmovedor. Cada libro ten o seu momento e seguramente este non era o mais axeitado para mín, pareceume unha narración redundante e predecible, unha traba grave cando se trata de implicar ás emocións na resolución dunha historia. Por outro lado, ten a virtude de xogar co contraste intercultural que sofren os refuxiados e plantexar unha visión da enfermidade mental dende unha perspectiva crítica ao descubrirnos a realidade do protagonista en permanente confrontación cun modelo de sociedade reprogramada para rexeitar a individualidade. Gustoume a metáfora do particular "Babel" entre os dous amigos, onde cobra especial relevancia a comunicación paraverbal, desproveendo ás palabras do seu significado para quedarse coa riqueza da expresión de emocións... Estoume dando conta de que é unha novela con "efecto iceberg", esconde moito mais do que amosa.
luns 29 setembro 2008
En Literatura | Sen comentarios | Permalink
Lonxe dela
Onte fun ver "Lejos de ella," unha bellísima película que utiliza o Alzheimer como fío conductor dunha dramática historia de amor. Un guión magnifico, cunha potencia narrativa inusual, que é capaz de deixar a problemática da enfermidade nun segundo plano fronte ás emocións que consegue transmitir a particular relación de parella dos protagonistas. Quedei subxugado pola abraiante beleza de Julie Christie, pola sobriedade da banda sonora, e pola fotografía esquisita dos paraxes nevados do Canada. Non foi a semana de cine mais propicia para o disfrute dun cinéfilo recalcitrante coma min, sigo arrastrando unha pena infinita que condiciona cada un dos minutos da miña vida e non sabería disociar as emocións que me embargan das que son propias do que acontece ao meu redor, pero xuraría que esta historia move os sentimentos mais profundos.
domingo 28 setembro 2008
En Cine | 2 Comentarios | Permalink
Tabula rasa
Un duro e xenial portafolio do artista búlgaro mladen penev. Os traballos de denuncia da utilización de xoguetes bélicos (Game over) ou a colección para a promoción da lectura (the power of books) son exemplos da súa capacidade creativa. A foto "tabula rasa" simboliza os plantexamentos empiristas de Locke quen defendía que todo ser humano nace como unha pizarra en branco sen datos nen regras de procesamento e que é a nosa experiencia a que vai conformando os protocolos para o procesamento da realidade e o almacenamento de información. A imaxe non pode ser mais explicita.
venres 26 setembro 2008
En Arte | Sen comentarios | Permalink
Jose Ignacio Salgado
Estou roto, teño unha dor tan inmensa que me está a destrozar, perdín a un amigo. Un home irrepetible que xestionaba a súa vida cunha mistura de bohemia e solidariedade, unha persoa que era capaz de facer simple o complexo cunha intelixencia insultante, e que rebosaba vitalidade dende a fortaleza do seu corpo, tanta que non consigo aceptar esta fatalidade. Non souben canto o quería ata hoxe que me sinto afogar no desconsuelo de non poder volver a velo. Quedará prendido a mín polos recordos da nosa adolescencia complice, pola nosa amizade dende unha distancia que me resultaba tan próxima, e polo nome do meu fillo co que o lembrarei cada día que me reste de vida. Deixo aquí estas palabras perdidas, como as que el susurraba aos cabalos, coa esperanza de que domen esta furia incontenible que sinto dentro do meu corazón. Maldito sexa quen mo arrebatou.
mércores 24 setembro 2008
En Xeral | 2 Comentarios | Permalink
Johan Lorbeer

Johan Lorbeer é un artista alemán que fai performances como estas, nas que aparce levitando nunha cidade ou facendo limpeza nunha parede vertical. Un xeito creativo de cuestionar a percepción da realidade desafiando a racionalidade das leis físicas nun ambiente de absoluta cotidianidade.
Ver video / Ver montaxe
luns 22 setembro 2008
En Arte | Sen comentarios | Permalink
XXX
Que 30 anos non son nada. Lembro a pantalla panorámica do Kursal, as sesións de infantil dos domingos ás 15.30 no Paz, os bancos corridos no galiñeiro do Victoria, "La gran juerga" de Louis de Funes no Central, chorar con "Marcelino pan y vino" no España, e claro, recordo con certa concupiscencia o escenario dos meus primeiros escarceos amorosos amparados pola penumbra do local, no anfi do "Gran teatro". E aí segue, fiel a súa cita despois de 30 anos, a semana de cine de autor.
domingo 21 setembro 2008
En Cine | Sen comentarios | Permalink
Gioconda
Dúas curiosas réplicas da Mona Lisa. Os cazadores de mitos con un canón que a debuxa lanzando bolas de cores (ver artigo en Anfrix). E un anónimo manexando o MS Paint con un virtuosismo alucinante, parece que no traballo empregou 2 horas e media. Si Leonardo levantara a cabeza...
domingo 21 setembro 2008
En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink
Premonicións
Contan que hai 200 anos, ao ser preguntado sobre China, Napoleón dixo " Alí dorme un xigante. Deixémolo que durma, porque cando esperte tremerá o mundo enteiro".
Non coñezo ao autor da foto.
sabado 20 setembro 2008
En Curiosidades | 2 Comentarios | Permalink
Damien Rice
Damien Rice é un irlandés que pasou boa parte da súa carreira deambulando polos pubs tocando a guitarra acústica e compoñendo os seus propios temas sen sucumbir á dictadura das discográficas. Tardou en acadar recoñecemento pero o último traballo é formidable. Dende hai meses escoito este tema practicamente a diario, forma parte da música que me fai compañia no traballo, ten unha sensibilidade que a min me resulta conmovedora.
venres 19 setembro 2008
En Música | 1 comentario | Permalink
Test de percepción numérica
Os bosquimanos contan un, dous, tres e "moitos". No seu modelo social sobran as representacións numéricas que superan o "tres", seguramente todas estas argalladas matemáticas da suma e a resta xorden da necesidade de facer unha distribución mais equitativa nas sociedades onde "quen parte e reparte sempre leva a mellor parte". Este Test utilízase para medir a capacidade de "percepción da cantidade" baseándose nun modelo instintivo para o procesamento da información visual que parece que compartimos con outras especies. Podería definirse como un "sentido numérico" sorprendentemente eficaz, xa que procesa a información en milisegundos e proporciona unha fiabilidade na resposta incrible, algo así ocorre coa percepción das persoas ou co sentido do perigo, unha análise da información que depende do noso cerebro reptiliano (sistema límbico) que quedou sublimada polos procesos de orde superior, sen dúbida culturalmente moito mais adaptativos, pero infinitamente mais lentos.
Probade a facelo, a media dun adulto é do 75% de acertos, recoméndase facer o test unhas 25 veces para acadar un nivel óptimo de significatividade.
Artigo NYT
xoves 18 setembro 2008
En Test | Sen comentarios | Permalink
Tech Deck
Levo uns días tolo, teño metido un "clack - clack" na testa que me ten absolutamente consumido, é igual onde me atope, o dichoso soniquete perségueme por toda a casa interrompindo indiscriminadamente a atención no que estou a facer. O trebello chámase "Tech Deck", e teño que recoñecer que non lle tiña prestada a atención que se merecía ata onte, eu pensaba que era unha chorrada dos meus fillos que paliaban o mono que teñen do "Skate" con esa argallada en miniatura, como quen ten un cocheciño de xoguete a escala. Pero non, a cousiña ten a súa coña, iso si, difícil de percibir pola velocidade coa que fan os movementos, de feito eu non a descubrín ata ver este vídeo onde se aprecian a cámara lenta os "trucos" que conseguen con esta táboa para dedos emulando aos mais virtuosos do monopatín. Alucinante.
mércores 17 setembro 2008
En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink
Dalí
No ano 1973 visitei o museo Dalí en Figueres, aínda non fora inaugurado oficialmente pero xa estaba operativo, ofrecía en primicia para España a colección de xoias deseñadas polo mestre. Daquela eran propiedade de "The Owen Cheatham Foundation", hoxe leo que foron adquiridas pola Fundación Gala-Dalí e que se poden contemplar de xeito permanente no seu museo. Tal vez fora pola miña idade, pero quedei profundamente impresionado pola beleza das súas creacións, tardei anos en volver a ver algo tan espectacular como aquelo.
Mais adiante desfrutei cando coñecín a rifa mantida con André Bretón cando este o rexeitou do movemento Dada acusandoo de pesetero cun inxenioso e maxistral mote "Avida Dollars", as letras que conforman o nome "Salvador Dalí", a resposta do megalomaníaco mito da arte foi: "El surrealismo soy yo; no me podéis echar".
Estes días pódese ver no museo de Lugo unha colección de grabados realizados por Dalí no 1959 como ilustracións de "La Divina Comedia". Non se trata dunha exposición inesquecible, pero é de visita obrigatoria.
martes 16 setembro 2008
En Arte | 1 comentario | Permalink
Esvástica
No ano 1992, sobrevoando un bosque de Branderburgo, atoparon esta curiosa imaxen dunha esvástica nazi debuxada con árbores e que presumiblemente foi realizada por algún dos habitantes da comarca como regalo de cumpreanos para o Führer.
Recentemente foron talados 68 destes arces, árbores que no outono mudan a cor da folla pasando do verde ao amarelo e logo ao vermello nunha maquillaxe no tempo que lles otorga unha beleza inusual. A súa tala supón unha dura decisión para evitar que a natureza lembrara inconscentemente a simboloxía do sátrapa.
Ler mais
luns 15 setembro 2008
En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink
Post it
Despois dos mentos con cocacola, os de Eepybird volven a sorprendernos con outro dos seus experiementos para mentes curiosas.
domingo 14 setembro 2008
En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink
Julian Beever
Novas pinturas na rúa de Julian Beever. De este artista xa circulaba unha presentación en powerpoint con imaxes espectaculares de ilusións 3D.
sabado 13 setembro 2008
En Arte | Sen comentarios | Permalink
SEAT
Video promocional da marca SEAT realizado por RJ41. Xogadoras de volei praia en branco e negro con banda sonora de Johnny Cash. Pasando de coches.
sabado 13 setembro 2008
En Xeral | Sen comentarios | Permalink
Kaki King
Facía tempo que non deixaba unha proposta musical relacionada coa miña querencia pola acústica. Kaki King é unha guitarrista yankee que utiliza un estilo moi peculiar nas súas composicións misturando fret-tapping e slap bass. Unha pista respecto á altísima calidade da súa música é que a revista Rolling Stone nomeouna "Guitar God", un privilexio que parecía estar restrinxido aos homes ata que chegou ela.
No vídeo interpreta un tema instrumental no que se aprecia a excelente execución, pero a súa voz tampouco ten desperdicio ver Yellowcake.
venres 12 setembro 2008
En Música | Sen comentarios | Permalink
Mill
Na liña do post "fácil", The mill, unha empresa adicada á creación audiovisual, realizou este magnífico spot publicitario, o lema: "Today ´s the day to work your magic". Non podedes imaxinar a potencia da asociación de imaxes co meu estado anímico.
xoves 11 setembro 2008
En Arte | Sen comentarios | Permalink
Ictíneo
Poucas invencións Victorianas teñen a graza e o encanto do Ictíneo, a serie de dous submarinos de madeira construídos por Narcís Monturiol i Estarriol na segunda metade do século XIX. A diferenza doutros modelos mais reputados entre os seus contemporáneos de Alemaña, Francia e os Estados Unidos, o inventor catalán logrou construír submarinos que funcionaron impecablemente. O Ictíneo II levaba o primeiro motor de combustión que se instalaba nun sumerxible, conceptos pioneiros que só foron rivalizados nos anos 1940. Tristemente, ambos submarinos foron refugados e Monturiol morreu sen diñeiro e esquecido. Ler mais English
xoves 11 setembro 2008
En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink
Chrome
Moito ruido e poucas noces. Independentemente do deseño, que garda unha evidente afinidade coa estética microsoft, este navegador non aporta ventaxas na funcionalidade respecto doutros competidores, eu xa me declarei "Operadicto", e de recoñecer a supremacía dalgún outro inclinaríame por Firefox. Respecto á rapidez de carga das páxinas, a optimización do consumo de memoria RAM, e as posibilidades de personalización non lle aprecio ningunha mellora.
A novidade técnica máis importante consiste en vincular cada pestana do navegador a un único proceso do sistema operativo. De xeito que, no caso de que unha páxina se colgue, o navegador non se pecha.
Polo demais, Chrome é inmellorable para a promoción da amplia oferta de aplicacións Google: Picasa, Gmail, Googlemaps, Gears, etc. Tería delito que dera problemas cos da casa.
En fin, que non acaba de convencerme ata o punto de quebrantar a miña fidelidade.
Descargar Chrome Beta
mércores 10 setembro 2008
En Informática | 2 Comentarios | Permalink
Oscar Wilde e unha morte sen importancia
Dende hai uns anos ao chegar xuño Paloma, unha amiga coa que compartimos unha boa parte da nosa vida nos vraos, remexe nas librerías ata atopar algo axeitado para a tempada de asueto, busca pequenas obras literarias que combinen ben co estado de ánimo estival e que resulten propicias para o divertimento e a relaxación que trae consigo o "dolce fare niente". Cada ano sorpréndenos con títulos e autores dunha heteroxeneidade que xa de por si resulta atractiva, libros como: "Yo, que maté de melancolía a Francis Drake" de Gonzalo Moure, "Ollos de auga" de Domingo Villar, "El cerebro de Kennedy" e "Profundidades" de Henning Mankell...
Este ano tocou "Oscar Wilde y una muerte sin importancia" de Gyles Brandreth, unha obra que recupera ao Sherlock Holmes de Arthur Conan Doyle substituíndoo pola carismática figura de Oscar Wilde inmerso na sociedade victoriana da Inglaterra de finales do século XIX, e convertido no mestre do razoamento deductivo para tratar de resolver o asesinato dun "amigo". Unha novela moi divertida que xa ten garantizada a continuidade coa seguinte entrega "Oscar Wilde y un juego llamado asesinato", haberá que estar atentos á publicación.
martes 09 setembro 2008
En Literatura | 2 Comentarios | Permalink
Fácil
Acabo de voltar das vacacións e o que necesito é xustamente isto. Sentir que as cousas son doadas. Grazas Toñín.
luns 08 setembro 2008
En Xeral | Sen comentarios | Permalink
o corazón xeado
Cando vin "o pianista" de Polanski pensei que era un fantástico xeito de resarcirse dunha débeda que calquera artista posúe coa súa memoria histórica. "El corazón helado" é un tributo de Almudena Grandes aos perdedores da guerra civil, un libro orgullosamente "roxo" que emociona dende a primeira páxina e que rescata episodios inhumanos que quedaron silenciados polo medo das vítimas e mais pola inoperancia de quen tivo poder político para exisir responsabilidades e iniciar as oportunas investigacións. "El pozo de los gritos de las brujas" existe, a "Ley de Responsabilidades Políticas" existiu, do mesmo xeito que están baseados en feitos reais episodios estremecedores que non poden ser esquecidos. Un novelón de lectura obrigatoria.
mércores 03 setembro 2008
En Literatura | Sen comentarios | Permalink
Imogen Heap
Just for now, un tema musical de Imogen Heap no que mistura a súa voz ata conseguer unha sinfonía espectacular. Un xeito moi "particular" de facer música que me fai lembrar a Bobby Mcferrin, un dos homes orquestra mais carismáticos do panorma musical pola sua capacidade para crear efectos musicais utilizando únicamente o seu corpo como instrumento. Sencillamente maxistral.
domingo 10 agosto 2008
En Música | Sen comentarios | Permalink
Saber perder
"Saber perder" é a terceira novela de David Trueba, un tipo cun talento sobrehumano para contar historias que me fixo rir con "Abierto toda la noche" e que con "Cuatro amigos" xa conseguira que lle xurara fidelidade eterna, este último traballo fixose de rogar pero volve a estar á altura do esperado. Unha historia, de tres persoaxes dunha mesma familia, que debuxa a cotidianidade na convivencia dende diferentes perspectivas xeneracionais utilizando o desexo como fío conductor.
Na contraportada lese: " O desexo asociado a un obxecto de desexo condenanos a él, Pero hai outra forma de desexo, abstracta, desconcertante, que nos envolve como un estadode ánimo. Anuncia que estamos listos para o desexo e que só nos queda esperar, despregadas as velas, que sopre o seu vento. O desexo de desexar."
Na portada vése: Un cuadro de Josep Santilari un pintor hiperrealista catalán excepcional.
Levo pleno nos libros de este verán.
domingo 03 agosto 2008
En Literatura | Sen comentarios | Permalink
Os tigres do cañotas
Hai tres ou catro anos tomando unhas cervexas por Pontedeume escoitei a unha banda que me deixou prendado, pensei que a soedade daquela noite alimentara a miña querencia pola festa, pero non, "Los tigres del cañotas" tiñan un ritmillo contaxioso acompañado dunhas letras hilarantes que trascenderon a aquela troula, fixenme coa maqueta e naquel ano acompañaron as nosas habituais ceas de verán, que soen ser moi propicias para a carallada. A semana pasada remexendo nos "cedés" atopeinos entre Nina Simone e Willy De Ville, unha mostra do meu particular desorde, e volvín a escoitalos co mesmo deleite da primeira vez. Buscando na rede vexo que desapareceu a súa web e que só queda un pequeno rastro destes felinos nun foro e na lastfm, onde aínda tedes a opción de saborear esta especie en extinción. PornoRock Ferrolano de altísimo nivel.
xoves 31 xullo 2008
En Música | Sen comentarios | Permalink
Ceo abaixo
Non teño nada clara a categorización da literatura por idades, é verdade que algunhas obras requiren un certo bagaxe de vocabulario e un mínimo de capacidade de razoamento verbal que garantice un nivel axeitado para a comprensión dos textos, pero isto non necesariamente correlaciona cos anos nin coa presunta dotación intelectual dos lectores. Unha amiga recomendoume "cielo abajo", un libro de Fernando Marías galardonado co premio nacional de literatura infantil e xuvenil no ano 2006, ao que eu non lle atopo lugar dentro de esta anárquica taxonomía. Trátase dunha novela adulta ambientada na guerra civil española, concretamete no asedio das tropas de Franco a cidade de Madrid en novembro de 1936, na que o autor xoga coa sensibilidade e os valores dos protagonistas que trascenden á irracionalidade do enfrontamento. A min gustoume, non sei o que pensarán meus fillos.
martes 29 xullo 2008
En Literatura | Sen comentarios | Permalink
O xogo do anxo
Despois do espectacular éxito de "La sombra del viento" Carlos Ruíz Zafón tiña moi complicado epatar aos seus lectores con outra obra mestra, tal vez esta dificultade foi anticipada polos editores e, como noutras ocasións, optaron pola vía das triloxías (creo que neste caso vai ser tetraloxía), para aproveitar por capilaridade a boa acollida do seu libro insignia.
Sen dúbida "El juego del ángel" é unha boa novela, pero insuficiente para completar as espectativas que tiña xerado coa anterior obra. A trama narrativa tamén é semellante á da predecesora, aínda que complicada pola proliferación das persoaxes que en algúns casos quedan pouco consistentes. O mellor os diálogos e a fenomenal contextualización na Barcelona de principios de século. Recomendable.
xoves 24 xullo 2008
En Literatura | Sen comentarios | Permalink
-
Galerías
-
Calendario
-
Seccións
-
Ligazóns
-
RSS