O pantasma do subxectivo

O seminario de Lugo aleitou como unha loba a unha xeración de homes indomables, nenos rescatados das aldeas, moitos vivindo en ambientes economicamente deprimidos, que pasaron os filtros da igrexa para ser seleccionados pola súa brillantez intelectual ou por ter descuberto neles un especial talento innato. Son homes de vidas heteroxéneas que renegaron do hábito e que militan ideoloxicamente a cabalo entre o socialismo e as potentes conviccións relixiosas que foron gravadas para sempre no seus miolos a sangue e lume, unha cuadrilla de gárgolas esculpidas polo clero coa finalidade de perpetuar e dar consistencia ao seu patrimonio cultural e que unha a unha foron desertando desa perversa vontade para voar libres. Entre os seus valores destaca a amizade, un vínculo de complicidade que sobrevive ao tempo nun recuncho segredo das súas ánimas e que os irmandou para sempre. Eu vou coñecéndoos a través do meu amigo Óscar, o último foi Modesto Trigo Trigo, un autodidacta da arte que se colou no Olimpo dos deuses da pintura pola porta traseira, un desafío da súa portentosa aptitude á formación académica das facultades de belas artes que non deixa lugar á dúbida, das súas xigantescas mans de labrego xurde un talento maxistral, un pintor que rexeita o hiperrealismo como método pero que consegue nas súas obras unha falacia perceptiva na luz e nos detalles que lles fai adquirir unha precisión case fotográfica, hai que achegarse ao lenzo para apreciar a “imperfección” milimétrica dos seus trazos, sinxelamente máxico. No seu estudio, xogando a converter a pintura en palabra faloume do pantasma do subxectivo, un efecto que personaliza a percepción das obras cargándoas coas emocións de quen as observa, con evocacións do noso pasado pero tamén do noso presente porque en cada mirada se reconstrúe un cadro. Amen.

sabado 28 febreiro 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado