Campos de fresas

Esta fin de semana lin "Campos de fresas", unha suxestión do meu fillo Nacho que o tivo como lectura obrigatoria neste segundo trimestre do 2º da ESO, creo que eu non tiña lido nada de Jordi Sierra i Fabra pero é difícil de aseverar porque a prolixidade deste escritor, con mais de 200 títulos publicados, é alucinante. Posúe ademais un incrible record ao terse colocado entre os 10 autores mais lidos nos centros escolares españois, compartindo lista con xente como García Lorca, García Márquez, Delibes, Mendoza... algo terá este tipo de escritura fácil para cautivar dese xeito ao profesorado. O caso é que esta noveliña, editada por primeira vez no 97, está construída sobre unha historia que non perdeu vixencia pese aos 13 anos que a separan da actualidade, a decada dos noventa supuxo un cambio brutal no consumo de drogas, á lista das substancias raíñas dos 70 e 80 como o cannabis, LSD, heroína ou cocaína, comezaron a incorporarse as drogas de deseño, fundamentalmente metanfetaminas, e os inhalantes volátiles, como o "Popper", que reinventaron un novo xeito de drogadición, por unha parte conseguindo unha dependencia moito mais sutil e levadeira ao desaparecer os síndromes de abstinencia e asociar o consumo a movementos colectivos de masas en torno a determinadas culturas musicais, por outra parte, a facilidade para a súa fabricación e distribución, e finalmente, a asequibilidade económica destas substancias, moi por debaixo dos costes doutras drogas como heroína ou cocaína. As patoloxías vencelladas a estes patróns de consumo, deixando a parte os casos de intoxicación fulminante como o descrito na novela, comezarán a deixarse ver nos próximos anos nas consultas de neuroloxía e psiquiatría con desaxustes neuroquímicos e trastornos da saúde mental seguramente irreversibles. Un libriño recomendable para sensibilizar á mocidade respecto da peligrosidade de dar unha volta polo lado oscuro.

mércores 03 febreiro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado