The exquisite book

"The exquisite book" está baseado no "cadaver exquisito" do movemento Dada. 100 artistas van desenvolvendo unha ilustración a partires dos trazos da anterior a través dunha líña horizontal que serve como nexo para dar continuidade á obra.

xoves 28 outubro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A estratexia da auga

Non se pode ler todo, está claro, pero cando me pasa de largo un tipo como Lorenzo Silva algo raro acontece co meu proceso de seleción bibliográfica. "La estrategia del agua" é a última entrega da serie "picoleta" da parella Vila e Chamorro, un par de axentes da benemérita especializados na resolución de casos de homicidio. Un auténtico descubrimento literario que me reconcilia coa Garda Civil, ese corpo surrealista que tiña asentado nunha parcela da miña memoria reservado ao impresentable. Aínda co medo a trabucarme por non ter lido mais que esta obra, recoñezo a Silva como un dignísimo sucesor de Montalbán e Mendoza.
Absolutamente maxistral.

xoves 16 setembro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Rapsodia Gourmet

Carezo desa visión cenital dos xogadores de xadrez que son capaces de analizar a realidade dende a perspectiva dos deuses, por iso cando atopo xente que posúe ese don xenial da análise misturado cunha meticulosidade descriptiva desproporcionada, sinto unha envexa triste, a de quen pasa pola vida a velas vir, sen pena nin gloria, alleo, por exemplo, á sutil delicadeza da arte culinaria. Muriel Barbery escribiu "Rapsodia Gourmet" aos 31 anos, esta muller, que amosa unha madurez sorprendentemente prematura, cociñou un novela baseada na procura do sabor perdido, unha sensación, seguramente primixenia, que levamos instalada na nosa memoria enmascarada por unha base de datos gastronómicos que a fan tremendamente escurridiza como para poder tomar conciencia do seu poder. Eu lembro un gusto embelesador para acomparme na morte, pero non teño pensado morrer.

martes 07 setembro 2010

En Literatura | 1 comentario | Permalink

O mariñeiro John Nicol

Algunhas mañáns do verán comparto tertulia de tabernarios no "Treboada", unha tasquiña de porte mariñeiro chea de adminículos vencellados ao mar e rexentada por un cascarrabias socialista que navegou medio mundo como telegrafista de mercantes, agora goberna na barra do seu recuncho exercendo a súa particular ditadura do proletariado, é el o que elixe á clientela coa chulería de quen non valora tanto os cartos como unha boa conversa,  asi que pouco a pouco funme convertindo nun dos privilexiados que pode mollar o gaznate e desfrutar da dialéctica duns persoaxes que parecen extraídos da "Taberna do cervo branco". Hai uns días tocounos literatura mariñeira e o inefable Carlos empecinouse na recomendación de "Vida y aventuras do mariñeiro John Nicol", un libriño infumable que rescata o caderno de bitácora da vida dun indixente escocés que se pasou boa parte da súa existencia embarcado polo mundo adiante nuns tempos épicos onde a supervivencia era o obxectivo fundamental do home.
Insisto na precariedade do texto, que algúns incautos tertulianos fumos dixerindo mais por devoción ao seu mentor que polo interese literario, asi que aí queda a testemuña da súa lectura. Mañá voltarei á cervexa misturada con historias do mar e música cubana, unha aleación máxica que me ten absolutamente cautivado.

martes 24 agosto 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

O afinador de pianos

Opera prima de Daniel Mason, licenciado en bioloxía e menciña que debutou como escritor aos 25 anos con "El afinador de pianos", unha obra insospeitadamente adulta na que relata, con un ritmo narrativo orientalizado, unha viaxe pola Birmania de finais do seculo XIX. Da delicadeza da súa escritura infirese que este home formará parte da excelencia literaria dos autores contemporáneos, pero para o meu gusto faltalle moito rodaxe. Coa lectura lembrei "Seda", unha delicatessen de Alessandro Baricco na que resolve coa cuarta parte de páxinas unha historia de amor e paixón desbordante de sensualidade, e tamén "Apocalypse Now", a persoaxe de Carroll semelloume unha réplica do Coronel Kurtz.
Este libriño hai que collelo con calma e retozar con algún dos seus capitulos, a idea é realizar unha especie de viaxe a Itaca onde o que importa é o camiño e non a chegada. Recomendable.
El clave bien temperado Fuga nº4 de Bach.

xoves 19 agosto 2010

En Literatura | 3 Comentarios | Permalink

Tres maneiras de volcar un barco

Hai que reoñecerlle a Chris Steward unha vida axitada, é desas persoas que pasan polo mundo de xeito exaserado, foi dende "bataca" dos "Génesis" a aventureiro convulso, o que lle permitiu ilustrar as súas anécdotas vitais en relatos curtos que foron colleitando éxitos editoriais, para min incompresibles. Neste libriño relata unha pequena odisea mariñeira, envidiable para os que gustamos do mar, pero con moi pouca gracia, e aínda menor soltura literaria. O que conta é pouco crible, e adolece da emoción que se lle presume a unha odisea de "lobo de mar", algo que pretende enmascarar con un gracexo anglosajón que non remata de calar no meu humor. Quen navega o lerá con escepticismo, e quen non o verá como un mini cursiño de introdución á vela moi pouco atractivo. Seguramente lle sería mais rendable terlle contado a historia a algúén que soubera escrbila. Lectura prescindible.

sabado 07 agosto 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Dime quen son

As vacacións son propicias para atacar tochos que sobrepasan as mil páxinas, a mín gústanme os libros longos, aínda que deixan unha sensación de formigueo nos dedos de tanto termar deles, un xeito como outro calquera de exercitar a musculatura. "Dime quien soy" pesa, sobretodo nas primeiras páxinas que parecen de novela moxigata e carentes de atractivo, pero a medida que te introduces na historia engancha coa mesma potencia que esas telenovelas de tramas interminables, o libro ten algo de cinematográfico, un repaso á memoria histórica dende os preámbulos da guera civil española ata a caída do muro de Berlín desenvolvidos a través da vida dunha muller que se move entre o costumbrismo da época e a intrépida vida dunha "007". Julia Navarro escribe cunha simplicidade que raia o pueril a cambio de facilitar a lectura, unha virtude que se agradece con metraxes de este calibre.
Postos a comparar eu quédome con "El corazón helado" de Almudena Grandes pero non deixo de recoñecerlle o atractivo a esta bestial historia. Recomendable.  

xoves 05 agosto 2010

En Literatura | 2 Comentarios | Permalink

M de maldade

Primeira novela que lle leo a Sue Grafton, unha escritora americana que está a construír un abecedario do crime cunha persoaxe ao mais puro estilo Philip Marlowe, a detective privada Kinsey Millhone, unha muller que resolve os casos eludindo a intrepidez, rodeada de problemas persoais e furgando nas súas emocións ata darlle incluso mais protagonismo que á trama policíaca.  En "M de maldad" excédese nas descripcións, algo que eu levo fatal, terei que probar outras letras.

martes 03 agosto 2010

En Literatura | 2 Comentarios | Permalink

Educación Siberiana

Nikolai Lilin é un "urca", unha estirpe siberiana que converteu o crime nun xeito de vida, un particular modo de enfrontar a ditadura stalinista e adaptarse ao medio, enraizando os seus valores na antítese do que consideramos politicamente correcto para loitar pola súa liberdade e sobrevivir nun medio hostil conxurándose a un código de conduta transgresor que está por riba do ben e do mal. "Educación siberiana" é un libro de antropoloxía que podería asinar Margaret Mead, supón un exercicio de relativismo cultural pechado nunha aventura vital do propio autor na que vai desgranando personaxe a personaxe a idiosincrasia dunha sociedade insólitamente contemporánea, tanto que asusta. Trátase dun relato trepidante dunha dureza inusual que engancha dende a primeira páxina. Moi recomendable.

luns 14 xuño 2010

En Literatura | 2 Comentarios | Permalink

O coxo e o tolo

Incríble relato de Jaime Bayly, estreneime con este autor con "El cojo y el loco" unha desmesurada novela que desborda sexo e violencia cunha mestría narrativa absolutamente inusual. Mira que lle tiña antipatía a Bayly, algunhas aparicións na TV predispuxéronme contra este "enfant terrible" limeño que parece mirar ao mundo dende unha atalaia intelectual inespugnable, pero hai que recoñecerlle un talento sobrenatural para a escritura, comigo xa pode contar como grupi. Un libro adictivo.

domingo 23 maio 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Maldito Karma

David Safier convertiuse no Esopo do siglo XXI "Maldito Karma" é unha novela que inclúe unha fábula, con moralexa conservadora, dentro dunha historia hilarante que poderían asinar tanto Almodovar como Billy Wilder. Divertida, aínda que se excede coas reencarnacións de Kim Lange, unha popular presentadora de Tv que morre aplastada polo lavabo dunha estación espacial rusa.

martes 18 maio 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

O tempo envellece asiña

Antonio Tabucchi é un deses autores que non se desprenden do seu compromiso ideolóxico nin escribindo contos. "El tiempo envejece deprisa" son 9 relatos curtos que teñen en común a potencia da memoria no transcurrir da nosas vidas, fai uns días lía que a coherencia levaba implícita etimolóxicamente un compromiso de fidelidade coa nosa herdanza mentres que a congruencia refirese a unha integridade do noso comportamento presente, o libriño de Tabucchi é unha auténtica apoloxía da coherencia. Para ler con calma.

venres 14 maio 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A voz

Arnaldur Idridanson é outro dos talentos literarios que engrosan as filas dos autores e autoras de novela negra nórdicos, este islandés fíxose un sitio entre a tropa sueca que últimamente parece estar a colonizar as nosas librerías. Rematei "La voz" coa sensación de necesitar 100 páxinas mais de relato, un gusto de novela que se despacha nun santiamén. Perfecta para un fin de semana.  

luns 03 maio 2010

En Literatura | 1 comentario | Permalink

A interpretación do asasinato

Unha suxestión para amantes da novela negra. Jed Rubenfeld estréase con "La interpretación del asesinato" no xénero policíaco utilizando o psicanálise como coartada para aderezar un relato de investigación criminal que de outro xeito pasaría absolutamente desapercibido, a novela recrea a visita de Freud e Jung aos Estados Unidos, describe a súa confrontación, deixando por certo bastante mal parado a Carl Jung, e fainos participar ficticiamente nunha investigación de asasinato. Un dos regalos de Oscar por andar envellecendo ao seu lado.

domingo 28 marzo 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A illa baixo o mar

A última novela de Isabel Allende deixoume un sabor agridoce, como se fose unha marea que te vai enchendo e baleirando de sensacións, por momentos a narración resulta cativadora, consegue atraparte coa potencia que desprenden as grandes obras, pera subitamente perde esa contundencia para sumirse nunha mediocridade narrativa absolutamente desapaixonada, non conseguir manter o ton atencional que requiren os relatos desenvolvidos entre intricados labirintos de sagas familiares é decepcionante. Non coñecía a historia dos Haitianos nin a diáspora a Nova Orleans, pero a descrición resulta moi familiar para os que nos chupamos a vida de Kunta Kinte en "Raíces". En definitiva, Allende non aporta nada novo. Regular.  

domingo 07 marzo 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Tres vidas de santos

Últimamente teño pouco apetito literario, tenme ocurrido mais veces e non sabería decir cal é a causa, eu o atribúo a algún libro atravesado ou a presbicia característica da proximidade aos dez lustros, nestes casos espero con paciencia a chegada dalgún redentor que volva a comprometerme coa lectura, e aí está Don Eduardo con "Tres vidas de santos", 3 relatos curtos que non engarzarían nun mesmo volumen nin por arte de maxia, agás por esa definición da santidade que Mendoza inventa no prólogo atribuíndo a cada un dos protagonistas unha mestura de xenialidade e tolemia, propia dos que transitan polas zonas mais oscuras do espíritu. Eu quédome con "el malentendido", unha historia de humor carcelario onde aparecen reflexións sobre a literatura tan brillantes como esta: "Forma y nada más...las leyes sencillas pero insoslayables que hacen que un escrito signifique algo más que manchas sobre un papel: la estructura del relato, el tamaño del párrafo, la longitud de la frase, la música interna de las palabras cuando se combinan entre sí, y el ritmo del conjunto. La estrategia con que se disponen todos los elementos". Mira ti onde vai estar a orixe da miña anorexia literaria, na forma.   

mércores 17 febreiro 2010

En Literatura | 1 comentario | Permalink

Campos de fresas

Esta fin de semana lin "Campos de fresas", unha suxestión do meu fillo Nacho que o tivo como lectura obrigatoria neste segundo trimestre do 2º da ESO, creo que eu non tiña lido nada de Jordi Sierra i Fabra pero é difícil de aseverar porque a prolixidade deste escritor, con mais de 200 títulos publicados, é alucinante. Posúe ademais un incrible record ao terse colocado entre os 10 autores mais lidos nos centros escolares españois, compartindo lista con xente como García Lorca, García Márquez, Delibes, Mendoza... algo terá este tipo de escritura fácil para cautivar dese xeito ao profesorado. O caso é que esta noveliña, editada por primeira vez no 97, está construída sobre unha historia que non perdeu vixencia pese aos 13 anos que a separan da actualidade, a decada dos noventa supuxo un cambio brutal no consumo de drogas, á lista das substancias raíñas dos 70 e 80 como o cannabis, LSD, heroína ou cocaína, comezaron a incorporarse as drogas de deseño, fundamentalmente metanfetaminas, e os inhalantes volátiles, como o "Popper", que reinventaron un novo xeito de drogadición, por unha parte conseguindo unha dependencia moito mais sutil e levadeira ao desaparecer os síndromes de abstinencia e asociar o consumo a movementos colectivos de masas en torno a determinadas culturas musicais, por outra parte, a facilidade para a súa fabricación e distribución, e finalmente, a asequibilidade económica destas substancias, moi por debaixo dos costes doutras drogas como heroína ou cocaína. As patoloxías vencelladas a estes patróns de consumo, deixando a parte os casos de intoxicación fulminante como o descrito na novela, comezarán a deixarse ver nos próximos anos nas consultas de neuroloxía e psiquiatría con desaxustes neuroquímicos e trastornos da saúde mental seguramente irreversibles. Un libriño recomendable para sensibilizar á mocidade respecto da peligrosidade de dar unha volta polo lado oscuro.

mércores 03 febreiro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

O home inquedo

Parece que Henning Mankell decidiu poñerlle fin á serie do inspector Kurt Wallander con "El hombre inquieto", outra excelente novela de este mago da literatura que produce a unha velocidade incrible e cunha calidade excepcional. Convertido en avó a punto de xubilarse e cos primeiros síntomas do Alzheimer, Wallander vése implicado nunha trama de espionaxe que afecta á familia política, unha investigación que entrelaza coas vicisitudes da súa incipiente vida de anciano. Recomendable.
Book Trailer 

domingo 24 xaneiro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Túa

As micronovelas teñen un encanto especial, parecen deseñadas para encher eses espazos baleiros de emocións que se producen nas salas de espera, nas viaxes cegas, ou en calquera outra situación de efímero silencio neuronal, "Tuya" é unha simpática noveliña policíaca da escritora arxentina Claudia Piñeiro, un enredo recomendable para o bolso de mulleres e homes viaxeir@s ou enferm@s.    

mércores 13 xaneiro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A princesa de xeo

Volve a mula ao trigo, despois da sobredose de novela negra sueca que me embutín no 2009 sufrín unha agradable recaída con "La princesa de hielo", primeiro libro de Camilla Lackberg que foi escrito no ano 2004 e que posúe unha calidade mais que aceptable para ser desas autoras que as editoriais fixeron adlateres ao bombazo que supuxo a triloxía de Stieg Larsson, esa proliferación micolóxica da literatura escandinava trae com consecuencia que traguemos con obras infumables pero tamén nos descubren talentos como o desta xove de 33 anos que é capaz de cautivar dende a primeira páxina, veremos que nos deparan os seguintes títulos pero esta muller promete entretemento. Se aínda non tedes regalo...

domingo 03 xaneiro 2010

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A muller xusta

Levo remexendo neste libriño dende hai case un mes, é unha desas obras que agochan detrás de cada parágrafo unha morea de información que che obriga a ir dixerindoa pouquiño a pouco. Escrito cunha simplicidade insultante, sen alardes narrativos e cun vocabulario asequible, vai construíndo a través da percepeción de cada un dos tres persoaxes protagonistas unha historia de amor e paixon que se aproxima mais ao ensaio que á novela. Hai autores que chegas a odiar por irrebatibles, xente que desgrana cada un dos seus argumentos coa precisión dun ciruxán sen deixar espazo para a crítica, tipos demoledores co pensamento que che fan sentir como un imbécil porque xamais chegarás a sentir como eles sinten.
Sándor Márai quitouse a vida en 1989, é posible que de tanto furgar nos sentimentos atopara a insoportable levedade do ser.
Autor de lectura obrigada.

luns 21 decembro 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Burlando a la Parca

"Burlando a la Parca" é unha divertidísima novela negra coa que se estrena Josh Bazell, doctor en menciña e diplomado en literatura, que estou convencido dará moito que falar porque xa está traballando na segunda entrega das peripecias de "Zarpa de oso", un médico ao mais puro estilo "House", ex-sicario da mafia e acollido a un programa de protección de testigos, que combina o exercico da menciña coa violencia extrema. Un relato de humor desbordante e por momentos sobrecolledor, que podería estar asinado polos irmáns Coen ou Tarantino. Rápido e adictivo.
Moi recomendable.

domingo 22 novembro 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A tenrura dos lobos

"La ternura de los lobos" é a opera prima de Stef Penney unha licenciada en filosofía e cc do cine que sorprende no seu debut literario pola extraordinaria calidade narrativa da súa primeira obra que semella asentada en lustros de escritura. Cando Paloma me pasou a novela advertiume que era un "libro de inverno", deses que disfrutas no sillón, coa mantiña, un café e o son da choiva nos cristais. A historia discorre a finais do século XIX, coa búsqeda do responsable dun crime perpetrado nunha aldea remota ao norde do Canadá, entre paraxes nevados que transmiten o frío, e a descrición da dura existencia dos primeiros colonos que se asentaron nesas terras, onde adquire protagonismo a tenacidade dunha muller, cunha coraxe de ferro, que emprende unha viaxe na procura do seu fillo.
Recomendable.

sabado 14 novembro 2009

En Literatura | 4 Comentarios | Permalink

La sociedad literaria y el pastel de piel de patata de Guernsey

Rematei este libriño facendo un esforzo encomiable, de feito tiven que ir simultaneando a súa lectura cos "Cuentos completos de Oscar Wilde" para ir dixerindo pouco a pouco ista obra menor, que ten como novidade o estar escrita de xeito epistolar, pero que chega a resultar cargante polo reiterativo do seu argumento. Trátase dunha aproximación histórica á ocupación nazi na illa de Guernsey describindo os avatares dos habitantes dunha aldea que sofren a súa particular opresión fascista, a idea e misturar a idiosicrasia do persoaxes con retazos do holocausto pero sen chegar a causar ningún atractivo na lectura. Quédome cunha frase: "O problema de ler bos libros é que che impíde disfrutar dos malos". Unha obra absolutamente prescindible.

martes 27 outubro 2009

En Literatura | 2 Comentarios | Permalink

O lector

Bernhard Schlink é outra desas "rara avis" que posúen un mobiliario mental envexable, polo menos para os eclécticos coma min que padecemos algo semellante a unha "Síndrome de Diógenes Cerebral" no que a vasoira convive entre antigüidades clásicas e art decó de xeito que nos resulta compricado ofrecer, ou polo menos aparentar, unha liña coherente de pensamento cando nos da por falar de calquera cousa. Schlink consegue contar sinxelamente a complexidade das relacións humanas, "o lector" é unha preciosa historia de amor desenvolvida entre duas distancias, unha xeneracional e outra cultural, que se van disolvendo a través da lectura. Algunhas reflexións son poderosísimas: "...negar unha relación é unha maneira de socavala tan grave como outras formas de traizón mais espectaculares".
Libro moi recomendable. Queda pendente a película

sabado 10 outubro 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

El tío Petros y la conjetura de Goldbach

Teño un compañeiro profesor que acompaña ao currículo ordinario da área un listado bibliográfico de literatura vencellada ás matemáticas, unha suxestión para os que queiran deleitarse co pracer da literatura co estímulo engadido de poder incrementar nota nas avaliacións. Eu tiña lido algunhas novelas interesantes como, "En busca de Klingsor" de Volpi ou "O teorema do loro" de Guedj, que proporcionan unha  aproximación lúdica ao mundillo da ciencia, pero quedeime sorprendido coa prolifíca producción literaria que existe en torno a esta disciplina (Exemplo). Entre os títulos recomendados polo meu compañeiro está "El tío Petros y la conjetura de Goldbach" de Apostolos Doxiadis unha noveliña que descubre as tripas dos cerebros matemáticos a través da historia dun aprendiz e o seu anciano tío, quen pasou a vida tentando probar que "todo número par superior a dous é a suma de dous primos", eso si, cun trasfondo motivacional do mais romántico. Xa estaba convencido de que esta xentiña son dunha extraña especie que morfolóxicamente gardan certo parecido cos humáns pero a súa arquitectura neuronal faille desenvover unha particular metodoloxía de pensamento, ás veces ultrarracionalista, que os convirte en xenios, aceptando que esas esquisiteces do coñecemento son xenialidades, claro. O caso é que, se obviamos algunhas mencións a teoremas infumables, o libro faise moi divertido.     

mércores 30 setembro 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

O manuscrito de pedra

Incrible que isto poida tan sequera evocar ao maxistral "O nome da Rosa" de Umberto Eco, outra vez pequei de incauto e deixeime levar pola fraseoloxía dos críticos que deberon inxerir algunha substancia psicoactiva para atopar semellanzas entre as dúas obras, o caso é que incomprensiblemente este bodrio de novela vai pola súa 5ª edición, cando debería contentarse cunha publicación en bubok, como moito. Non tiña lido nada de Luis García Jambrina, nin me quedaron ganas, pero este profe titular de literatura na Universidade de Salamanca debería ter feito un cursiño de reciclaxe literario e outro de modestia académica antes de esnafrase con esta noveliña policíaca "pseudohistórica" na que bombardea ao lector con erudicións intranscendentes como para deixarlle claro o inconmensurable traballo de investigación que desenvolveu. En fin, paupérrima e absolutamente prescindible. 

sabado 19 setembro 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Arrugas

Facía tempo que non lía comics, un pracer esquecido que onte  me devolveron inesperadamente. "Arrugas" é un traballo de Paco Roca premiado no 2008, un conto de vellos que nos traslada impecablemente a cotidianeidade dos centros xeriátricos sen perder nin o sentido do humor nin o dramatismo da decrepitude. Eu vivo o Alzheimer moi de preto, tal vez o meu xuízo careza de obxectividade por mor de esa sensibilidade que medra coas experiencias traumáticas, pero pareceume unha preciosidade. Moi recomendable.    

xoves 17 setembro 2009

En Literatura | 2 Comentarios | Permalink

Futbol a sol e sombra

O gusto polo fútbol queda pouco intelectual si eres home, e ademais raia coa impostura si eres muller, conversar de fútbol é sinónimo de opinar sobre as últimas declaracións de Belén Esteban ou coñecer aos asistentes ao "Baile da Rosa" monegasco, un síntoma de debilidade mental, como outro calquera, que eu xa teño asumido. O conto é que me pasaron este libriño do mestre Galeano para reconciliarme conmigo mesmo e coa miña paixón futbolera, un tratado sociolóxico deste magno deporte, descrito coa inigualabel prosa de Don Eduardo, que fun lendo no báter e que me produxo unha mistura de placeres de difícil conxunción, hedonismo en estado puro. Graciñas Fran.

mércores 09 setembro 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

A importancia das cousas

Rematei o verán con "La importancia de las cosas", o último libro de Marta Rivera de la Cruz. Debo estar facéndome velliño porque cada día que pasa sucumbo con mais facilidade á sensiblería, esta muller escribe cun estilo prehistórico, sen pretensións literarias progresistas, nin experimentos de taller de escritura creativa, é unha "contacontos" in senso estricto. Xa lle lera "En tiempo de prodigios" unha novela, algo mais elaborada, pola que quedou finalista do Premio Planeta no 2006, e que tamén me conmoveu, xa digo, algo terá que ver a idade. Mañá mesmo levolla a miña nai, estou seguro de que chorará, por ese sentimento patriótico que lle xurde espontaneamente cando alguén de Lugo "triunfa" e, claro, pola historia de amor de Mario e Beatriz.

venres 04 setembro 2009

En Literatura | 2 Comentarios | Permalink