Spaguetti


Excelente curta de animación realizada pola axencia PES

martes 31 marzo 2009

En Cine | 2 Comentarios | Permalink

Origami

Origami é como se coñece en xapón a arte de facer esculturas mediante plegado de papel, a técnica é asombrosamente complexa e require dunha capacidade para o razoamento visoespacial que tería que ser medida con coeficientes de intelixencia específicos para entender como procesan a información artistas como Tomohiro Tachi, que realiza estudios anatómicos da xeometría dos obxectos cunha minuciosidade sobrenatural, Daniel Piker que ilustra as composicións de Tomohiro con infografías nas que se observa a transmutación do plano a 3D, ou Andrew Hudson coa súa obra  Origami madness. Tamén en España existe a asociación de papiroflexia que recolle as obras de diferentes artistas, todas merecen unha ollada.  


Rigid Origami from Daniel Piker

luns 30 marzo 2009

En Arte | 1 comentario | Permalink

Xavier Rudd

Xavier Rudd outro músico surfeiro que se move nun estilo acústico misturando o folk australiano con ritmos reggae. A súa voz cálida consegue imprimir ás melodías unha agradable sonoridade que resulta perfecta para simultanear co traballo.

sabado 28 marzo 2009

En Música | Sen comentarios | Permalink

Ilusión óptica


Fixándo a vista no punto verde desaparecen os amarelos. Unha ilusión óptica que lamentablemente non é extrapolable a calquera outra situación da nosa vida.

venres 27 marzo 2009

En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink

Hora da terra


O vindeiro 28 de marzo ás 20:30 celébrase a hora da terra, trátase de apagar as luces durante unha hora para amosar a nosa preocupación polo cambio climático e o noso compromiso persoal para adoptar solucións a este problema. Pretendese conseguir unha multitudinaria participación de mais de mil millóns de persoas espalladas por mil cidades de todo o mundo. A ver si aquí apaga a luz ata a "Maripepa".
O vídeo é do maxistral Leo Burnett para WWF.

venres 27 marzo 2009

En Solidariedade | Sen comentarios | Permalink

After Dark

Na fin de semana lín "After Dark" a primeira e placenteira inmersión na obra de Haruki Murakami. Unha novela fragmentada en tres historias que se van construíndo a través do tempo transcurrido dende o solpor ata o amanecer. Murakami consegue manter a sensibilidade da narración oriental nunha trama occidentalizada que chega a resultar sórdida. Un Xapón de "Lost in traslation", alonxado da ancestralidade pola perversión da súa evolución como metropoli, onde únicamente as emocións individuais son capaces de rescatar da alienación a súa poderosa cultura. Un libro recomendable.   

martes 24 marzo 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Carapuchiña vermella


Unha versión do popular conto de "Carapuchiña vermella" convertido nunha presentación en flash. Brillante.

martes 24 marzo 2009

En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink

Nasija


Nasija
Curtametraxe de Guillermo Ríos gañadora do Festival de Berlín. Un paseo polo lado oscuro de África, que denuncia o maltrato físico e psicolóxico ao que se ven sometidas as mulleres en algunhas culturas de países subdesenvolvidos.

domingo 22 marzo 2009

En Cine | Sen comentarios | Permalink

El fuego

Hai uns anos lin "El ocho", un libro que na súa primeira edición pasara desapercibido para os devoradores de best sellers, pero pouco a pouco foise facendo sitio entre as obras mais vendidas de este xénero, a min resultoume divertido. Pois ben, nun deses momentos en que quedei baleiro de propostas literarias atractivas, deume por mercar "El fuego", a segunda entrega de Katherine Neville para o xadrez de Carlomagno, un bodrio infumable de mais de 500 páxinas que fun dixerindo como puiden por aquelo do prurito persoal de non deixar sen rematar un libro. Un timo que merece Fahrenheit 451.      

xoves 19 marzo 2009

En Literatura | Sen comentarios | Permalink

Skin

Skin é unha de esas ideas que xurden froito do brainstorming que orixinan algunhas drogas, ou da individualidade dunha mente perversa, como a da artista e escritora Shelley Jackson que buscou a 2.095 persoas dispostas a seren tatuadas cada unha cunha palabra de tal xeito que construirán un conto vivo espallado polo mundo. Os participantes nesta experiencia comprométense a buscar as outras palabras para compoñer a historia. A artista non publicará o conto ata non ser descifrado. Curioso.   

martes 17 marzo 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink

Cadea

Traballei cinco anos nunha cadea, unha fisura na miña vida que non esquecerei,daquela linlle a un prestixioso xurista que a crueldade das condenas de privación de liberdade era moito mais dura e inhumana que o castigo físico, propoñía substituír as penas pola correspondente dose de lategazos, unha desproporcionada suxestión que pretendía levarnos á reflexión respecto da práctica, socialmente aceptada, de facer retribuir o delito co illamento do delincuente sen perder a loable intención de conseguir a súa reinserción social.
Hoxe atopei esta campaña de Ban public, unha asociación francesa adicada a recadar información sobre as cadeas europeas para denunciar a dramática situación na que viven os prisioneiros. A idea promovida a través da web é apadriñar virtualmente a un preso, un acto simbólico que serva para concienciar respecto a precariedade e o desamparo no que se atopan e exixir aos poderes públicos un cambio do sistema penitenciario.
O lema: "Non espere a que a cadea remate comigo"
Web para apadriñar

domingo 15 marzo 2009

En Solidariedade | 2 Comentarios | Permalink

The Job


The job é unha excelente curta de 3 minutos realizada por Jonathan Browning para Screaming Frog. Dende o seu estreno no 2007 percorreu o mundo por mais de 100 salas de proxección recibindo ata 26 premios en recoñecemento a súa brillantez creativa. Unha mini traxicomedia que caricaturiza perfectamente a actual debacle do sistema económico mundial.
Versión orixinal

sabado 14 marzo 2009

En Cine | Sen comentarios | Permalink

Jeff Wahl

Jeff Wahl é outro dos virtuosos da acústica, músico nado en Colorado que comezou co piano e o trombón antes de descubrir o seu talento para a guitarra, as súas interpretacións semellan estar feitas con 2 ou 3 guitarras soando simultaneamente. O tema do vídeo corresponde á banda sonora dos debuxos animados de "Carlitos", unha serie mítica na miña infancia que ademais sintonizaba coa nosa afección ao béisbol, o meu favorito era Linus, o neno que arrastraba unha manta. Non comprendo como podíamos ver iso.

venres 13 marzo 2009

En Música | Sen comentarios | Permalink

Remarcadores

Unha enxeñosa campaña de IGFM pola liberdade de expresión, en vez de subliñar o texto, este rotulador remarcador crea unha barra negra de censura sobre os parágrafos mais salientables. O lema: "En moitos países a prensa escrita é censurada todos os dias. Pode facer unha excepción IGFM"

xoves 12 marzo 2009

En Solidariedade | Sen comentarios | Permalink

apnea

Para os amantes das inmersións en Lunocet ofrecen este revoluciocionario invento que, con un pouco de práctica, permete conseguer velocidades de ata 16 nós (30 Km/h) nadando. Alucinante.

mércores 11 marzo 2009

En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink

Format Factory

Format Factory é unha interesantísima aplicación para cambiar de formato practicamente calquera tipo de arquivo, vídeo, imaxe, audio ou ISO. Gratuita, en castelán, e de doado manexo, non se lle pode pedir mais.
Descargar    

martes 10 marzo 2009

En Informática | Sen comentarios | Permalink

Nanoreisen

Nanoreisen "aventuras a través dos decimais" é unha interesante web que nos descubre o mundo dende unha perspectiva nanométrica. As presentacións en flash propoñen unha viaxe fascinante a través de distintos elementos que forman parte da nosa cotidianeidade como a nosa pel, unha computadora, etc.   

luns 09 marzo 2009

En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink

Os animais non son souvenirs


Campaña de IFAW  para sensibilizar respecto á compra de "souvenirs" elaborados con productos animais.
"Si eles quixeran vir, faríano. Os animais non son souvenirs"

sabado 07 marzo 2009

En Solidariedade | Sen comentarios | Permalink

Ani DiFranco

Ani DiFranco é unha cantautora estadounidense emancipada das multinacionais, creou o seu propio selo musical "Righteous Babe Records" para autopromocionarse e mais para producir a músicos que non teñen doado o acceso ao mercado discográfico. Ademais esta muller converteuse nun icono dos movementos feministas americanos, os seus temas versan sobre problemas contemporáneos como o racismo, o sexismo, os  abusos sexuais, a homofobia, a pobreza ou a guerra. O seu extensísimo traballo é do mais ecléctico, posúe un estilo entre o folk e o rock alternativo que deixa cousas moi interesantes.

venres 06 marzo 2009

En Música | Sen comentarios | Permalink

Rorschach


Beate Uhse: Rorschachs
Roubolle a primeros pinitos esta delicada sutileza. O test de Rorschach é unha das ferramentas de psicodiagnóstico de mais querencia entre os adeptos á psicodinámica, mediante técnicas de libre asociación os psicoanalistas fan inferencias respecto á personalidade dos seus pacientes, non é que me indignen os test proxectivos pero a caricaturización do vídeo é magnífica. 

martes 03 marzo 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink

Vredeseilanden


A asociación belga Vredeseilanden financiase cada ano coa venda de pequenas figuriñas con forma humana, os fondos recaudados serven para para apoiar o traballo dos cooperantes que axudan a agricultores de países do terceiro mundo. Este ano o foco está sobre Nicaragua, o vídeo promocional de Duval Guillaume é brillante. 

domingo 01 marzo 2009

En Solidariedade | 1 comentario | Permalink

O pantasma do subxectivo

O seminario de Lugo aleitou como unha loba a unha xeración de homes indomables, nenos rescatados das aldeas, moitos vivindo en ambientes economicamente deprimidos, que pasaron os filtros da igrexa para ser seleccionados pola súa brillantez intelectual ou por ter descuberto neles un especial talento innato. Son homes de vidas heteroxéneas que renegaron do hábito e que militan ideoloxicamente a cabalo entre o socialismo e as potentes conviccións relixiosas que foron gravadas para sempre no seus miolos a sangue e lume, unha cuadrilla de gárgolas esculpidas polo clero coa finalidade de perpetuar e dar consistencia ao seu patrimonio cultural e que unha a unha foron desertando desa perversa vontade para voar libres. Entre os seus valores destaca a amizade, un vínculo de complicidade que sobrevive ao tempo nun recuncho segredo das súas ánimas e que os irmandou para sempre. Eu vou coñecéndoos a través do meu amigo Óscar, o último foi Modesto Trigo Trigo, un autodidacta da arte que se colou no Olimpo dos deuses da pintura pola porta traseira, un desafío da súa portentosa aptitude á formación académica das facultades de belas artes que non deixa lugar á dúbida, das súas xigantescas mans de labrego xurde un talento maxistral, un pintor que rexeita o hiperrealismo como método pero que consegue nas súas obras unha falacia perceptiva na luz e nos detalles que lles fai adquirir unha precisión case fotográfica, hai que achegarse ao lenzo para apreciar a “imperfección” milimétrica dos seus trazos, sinxelamente máxico. No seu estudio, xogando a converter a pintura en palabra faloume do pantasma do subxectivo, un efecto que personaliza a percepción das obras cargándoas coas emocións de quen as observa, con evocacións do noso pasado pero tamén do noso presente porque en cada mirada se reconstrúe un cadro. Amen.

sabado 28 febreiro 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink

Rex Whistler

Debuxante inglés falecido en 1944 que destacou pola súa especial técnica como ilustrador ao conseguer figuras ambiguas que posúen distinto significado en función do lado do que se miren.
Ver galería.

xoves 26 febreiro 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink

Loewe


Unha curiosa e simpática campaña de Loewe que utiliza a Canción dos escravos, da ópera Nabuco de Verdi, para exemplificar o realismo que conseguen manipulando os controis dos seus aparatos de imaxe e son. Os creativos son Scholz & Friends.

martes 24 febreiro 2009

En Curiosidades | 2 Comentarios | Permalink

Pegada ecolóxica

Cuestionario de Educalia para facer o cálculo da nosa pegada ecolóxica. O obxectivo e concienciar sobre os límites dos recursos naturais e promover a sostenibilidade.
Reducir, reutilizar e reciclar.
Aforrar no consumo
Xenerar o menor número posible de residuos
Outra páxina para facer o cáculo "footprint"

martes 24 febreiro 2009

En Test | Sen comentarios | Permalink

Focking Brothers

Os fabulosos cubatas son un grupo de n=2 que fan Kutre Luxe galego con grasia salseroreivindicativa. Un espectáculo de cabaret irreverente para o século XXXI altamente recomendable.
Hoxe, día 21 ás 23.30, estarán en Lugo na sala babel.
Exemplos:
Achiliput e Que é o que pasa por Muxía

sabado 21 febreiro 2009

En Música | Sen comentarios | Permalink

Ganchillo

No día dos Santos Inocentes deixaba este incrible post de Carol Hummel sobre arte urbana , aínda que o parecera, non era unha coña, hoxe atopei un punto mais de sofistificación artística no traballo de Joana Vasconcelos, unha escultora portuguesa que fai dos obxectos domésticos a materia prima da súa arte, provocando unha descontextualización do cotidiano que resulta sorpredente. A pretensión é provocar a relfexión respecto da figura femenina no mundo masculino, a perda de valores frente ao consumismo... Ver peças.

xoves 19 febreiro 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink

Phil Borges

Phil Borges, un fotógrafo centrado no retrato de diferentes etnias que vai deixando poderosas imaxes de tribus a piques de extinguirse. No ano 1998 documentou graficamente o traballo Enduring Spirit, encargado por Amnistía Internacional, no que mostra fotografias de pobos indíxenas de África, Asia, Latinoamérica e de América do Norte. No 2000 fixo "The gift" recollendo o traballo de médicos ciruxáns que operaron gratuitamente a nenos e nenas de paises subdesenvolvidos.

martes 17 febreiro 2009

En Arte | Sen comentarios | Permalink

650 millóns de anos


Simulación que mostra en pouco mais de un minuto a evolución do planeta terra dende hai 400 millóns de anos, coa formación do Pangea na era Paleozoica, ata unha hipotética refundición continental que tería lugar dentro de 250 millóns de anos.  

luns 16 febreiro 2009

En Curiosidades | Sen comentarios | Permalink

Anne Sophie Mutter

Anne Sophie Mutter comezou a tocar o violín cando tiña 5 anos, hoxe está considerada unha das mellores interpretes do mundo deste instrumento, aínda que a súa especialidade é a música contemporánea, estilo que a min segueseme atragantando, rescato este pequeno fragmento da Cadenza de Beethoven / 3º movemento no que fai un derroche de virtuosismo absolutamente maxistral.

domingo 15 febreiro 2009

En Música | 1 comentario | Permalink